Da Asemblea Nacional de Mulleres de Galiza Nova e da agrupación municipal do BNG, a pontecesá Lucía Veciño pasa a pechar a candidatura coruñesa de Nós.

É a súa primeira campaña para unhas eleccións xerais. Como leva o traballo? 

Ben. A xente está a ser moi receptiva e ademais é unha campaña diferente ao resto, de porta a porta, na que non van chegar as papeletas á casa, é de patear e falar coa xente. Precisas tempo pero é certo que é moito máis acolledora.

Que creedes que é o máis importante para a comarca?

A nivel comarcal agora mesmo temos un problema moi grande cos nosos sectores produtivos, como son o caso do cerco e do sector lácteo. Alí precisamos que alguén en Madrid mire por estes dous sectores como se leva a facer nestos 20 anos e que se traballe por eles e se saquen adiente. Logo a nivel de infraestruturas e comunicacións é un eido no que tamén hai que traballar.

Nas Mareas tamén converxen forzas nacionalistas. A xente ten clara a diferenza entre eles e Nós?

A xente ten que ser consciente de que no noso caso non imos ter dependencia de ningunha outra forza. Non rendimos pleitesía a ningunha forza estatal e polo tanto no momento de defender algunha cuestión galega non imos ter confrontamento con ningunha outra zona do estado español. A xente ten que ver que a forza nacionalista ten que ser feita aquí e para aquí, con pactos de partidos galegos. Todo o mundo está a ser consciente de que Nós Candidatura Galega é a única que recolle as forzas nacionalistas, e entón que vai ser unha aposta segura pola defensa de Galiza e dos seus intereses, recollendo o traballo que leva a facer o BNG nestos 20 anos nas Cortes Xerais.