Belén Lendoiro é segunda ao mando do goberno nacionalista de Carballo. Concorre de novo ás eleccións galegas coa candidatura dun renovado BNG, liderado por primeira vez por unha muller “que dá unha imaxe moito máis fresca, máis alegre, máis feminina do nacionalismo galego”, nas súas verbas.

Neste tempo que levades de campaña, que percibistes na rúa?

Un pouco de todo. Empezou un pouco en ralentí pero eu creo que o debate da TVG deu un volco á percepción da cidadanía sobre nós, en positivo. A intervención de Ana Pontón no debate fixo ver as debilidades do Partido Popular e de Feijóo e a partir de aí a miña percepción é que a xente está a tomar máis conciencia de que estas eleccións son importantes para abrir un tempo novo.

Temedes que o fastío de máis dun ano de eleccións faga que a xente quede na casa?

É verdade que ese cansazo a xente teno, e con razón. Para nós é moi importante insistir en que esta é unha campaña galega, que nos toca a nós e que non debe estar en xogo o futuro dos líderes políticos estatais. Non son unhas eleccións para Rajoy, para Sánchez, para Iglesias ou Rivera. Xógase o noso futuro. Nese sentido, nós defendemos que é moi importante aproveitar a oportunidade que temos agora para mudar as políticas que agravan os nosos problemas. E desde logo, por culpa do BNG non houbo esas segundas eleccións, foron outros os que non foron capaces de poñerse de acordo.

Belén Lendoiro defende a necesidade dunhas reformas estruturais que garanta o futuro da Costa da Morte

Como pensades que pode repuntar o Bloque á vista dos últimos resultados electorais?

Temos neste caso a Ana Pontón. Por primeira vez unha muller é candidata á Xunta de Galicia e está a demostrar que é un acerto. Para nós é unha aposta importante e nesta campaña tentamos transmitir esa ilusión e recompilar o maior número de apoios da xente. Nós estamos a traballar para trasladar esa nova imaxe e para ofrecer ese tempo novo e esa necesidade de cambio político que precisamos.

O xurdimento doutras forzas como En Mareas obrigou ao BNG a definir unha nova identidade?

Nós apostamos por marcar a diferenza trasladando que o Bloque Nacionalista Galego é unha forza política arraigada no país, que leva anos traballando e defendendo os dereitos dos galegos e galegas e que non depende de Madrid. O noso centro de decisión está en Galicia.

Por que o Bloque pega máis a nivel municipal que a nivel estatal ou autonómico?

Eu penso que a xente que configura o Bloque leva anos traballando e demostrando que as cousas se poden facer doutra maneira e alí onde gobernamos, nótase; a xente percíbeo porque as cousas cambian para mellor. Sexa porque as políticas municipais son máis próximas, porque o coñecemento é máis directo. Agora tentamos dar unha imaxe nova para presentarnos á cidadanía co noso proxecto de futuro para o país. Nas municipais xogas directamente coa cidadanía, a proximidade é máis directa. Iso reforza aínda máis nosa solvencia, a nosa capacidade de gobernar.

Alí onde gobernamos, nótase, a xente percíbeo porque as cousas cambian para mellor

Falando de capacidade de gobernar. O goberno de Carballo é o buque insignia do Bloque cando defende os resultados da xestión nacionalista. É moita responsabilidade ser o referente?

Non é só Carballo. Estase a gobernar en moitos concellos galegos, e estase gobernando ben. É importante  mostrar noutros sitios que nós levamos facendo políticas desde fai moito tempo, políticas que agora se consideran nova política, e aquí lévanse facendo moitísimo tempo. Para nós é un orgullo ser referente e tamén unha responsabilidade porque iso significa que estás no punto de mira de moita xente.

E cal é o referente para Carballo?

Os referentes sempre son aquelas boas xestións e aqueles bos exemplos que concordan coas políticas que sempre defendemos: o benestar, os servizos públicos e o reforzo das nosas potencialidades e capacidades. Cando un goberna ten as súas ideas e despois ten proxectos que permiten desenvolver esas ideas. Eu creo que en Carballo eses proxectos son acertados porque os resultados demóstrano: Carballo está a crecer e construíndose como un bo lugar para vivir.

Nas anteriores autonómicas nas que foi candidata fixo fincapé en que era preciso recuperar o benestar e os dereitos sociais que neses catro anos perdéronse. Segue vixente ese discurso?

Si. Eu creo que é un discurso fundamental. Ninguén nega que haxa unha crise, pero baixo  o argumento desa crise e do déficit escóndense políticas neoliberais que o que tentan é privatizar. É o que estamos a ver no goberno do Estado e no da Xunta. Nese sentido, para a xente de esquerdas ten que ser preciso considerar que hai que facer o posible para que esas políticas garantan o benestar dos cidadáns.

Na comarca hai sectores primarios que están a ser desmantelados

Cal é o principal proxecto que o BNG propón para a comarca?

É moi importante que sexamos sensibles ás demandas desta comarca e hai que seguir traballando para corrixir os desequilibrios que ten. Na comarca hai sectores primarios que están a ser progresivamente desmantelados e iso obedece á xestión e a política do PP, tanto na Xunta como en Madrid. É outro modelo que teñen e ese modelo reflicte que as súas políticas non están a funcionar, porque nos están desmantelando. Pola contra, esta comarca precisa rexenerarse. Non chega só con xestionar estas medidas, senón que teñen que haber reformas estruturais que garantan que na nosa comarca teñamos futuro.

Cre que están desaproveitados os recursos que ten a comarca?

Claro que si. O sector pesqueiro, o sector agrogandeiro, e xa non digamos o sector turístico onde non se están tomando as medidas necesarias coas que se comprometeron para que salga adiante. O Partido Popular ten unha gran débeda coa comarca e nese sentido non chega só con esta autovía, porque esta autovía foi un proxecto do Bipartito que o PP  ralentizó. E a parte de chegar recortada, ten unha peaxe na sombra.