Hai dous anos e medio, Aurelio Ñúñez (A Coruña, 1958) foi nomeado voceiro do PP de Carballo en substitución de Miguel Ferreiro, traballo que exerceu paralelamente ás súas responsabilidades de deputado no Parlamento de Galicia. Agora encabeza a lista da agrupación popular coa intención de ser alcalde de Carballo.

Vides de ter uns malos resultados nas eleccións xerais, como cre que isto afectará aos resultados das municipais en Carballo?
Evidentemente o resultado das xerais pode ter un efecto indirecto sobre as municipais. A influencia é moito maior cando máis sexa a poboación, mais creo que en Carballo non van ter influencia. Nós estamos convencidos de que temos un bo grupo, un bo programa e que Carballo vai apoiar ao Partido Popular.

Tedes entón boas expectativas para o domingo.
A expectativa que nós palpamos na rúa é moi boa. Nas parroquias estamos a ter unha afluencia de público moi importante, o mitin do sábado co presidente foi un éxito de asistencia que desbordou as previsións. Nestes últimos días de campaña seguiremos falando coa xente na rúa para convencelos de que o proxecto do PP é o mellor para Carballo e despois esperar o que a xente decida, porque como bo demócrata acepto o resultado.

Que destacaría da candidatura do PP de Carballo?
A preparación e a diversificación que fixemos da xente. Hai unha persoa que é economista, outra que é licenciada en dereito, outra que está moi relacionada coa actividade deportiva, hai dúas ou catro persoas que xa estiveron en grupos municipais e tiveron responsabilidades de goberno. Hai persoas das parroquias, temos un empresario novo de gandería, é dicir, creo que é un grupo tremendamente variado que pode cubrir as necesidades do futuro goberno de Carballo.

Nesta campaña falades moito da circunvalación e asegurades que se levará a cabo.
Eu xa falara da circunvalación coa conselleira de Infraestruturas en distintas ocasións. De feito, lle pedín á conselleira se xa tiña a valoración da primeira fase. É dicir, ese tema xa se estaba tratando, non é un tema que eu aproveite para a campaña electoral.

O presidente da Xunta comprometeuse a estudar a execución da variante se vostede era alcalde. Non debería estudar a circunvalación sexa quen sexa alcalde?
O único que dixo o presidente é que se eu era o alcalde, sentaría a falar comigo, o que non quere dicir que o presidente non sente a falar con outro futuro alcalde de Carballo. O presidente coñece as necesidades da circunvalación. Evidentemente nestes últimos anos en Galicia non se fixo unha soa infraestrutura con fondos propios do custo da circunvalación de Carballo. Non se pode afirmar como di o BNG que é unha discriminación con Carballo porque non houbo ningunha. Esa infraestrutura que o goberno afirmaba que custaba 12 millóns de euros, costa case 30 millóns de euros, que é outra cousa que non se di.

Os outros partidos acúsanlle de votar contra a circunvalación no Parlamento de Galicia.
Efectivamente, pero hai que aclarar unha cousa. Na emenda do BNG aos orzamentos da Xunta con 75 millóns de euros pretenden executar 57 obras, sendo a última e a penúltima as travesías de Bértoa e A Casilla e a variante de Carballo. Se sumamos o custo destas infraestruturas probablemente multiplique por cinco o valor da emenda. Eu non podo apoiar esta emenda porque é irrealizable. Eles que fagan unha emenda coa variante de Carballo, que poñan un orzamento coa variante de Carballo e pódese falar.

Falades de facela por fases. Tedes proxectado ata onde chegaría a primeira fase e canto custaría?
A primeira fase uniría a rotonda de Montecelo da autovía coa estrada de Santiago. Esa primeira fase é a que solicita o empresariado do polígono. Aquí o máis importante de todo sería sacar o tráfico pesado do centro de Carballo, que podería ir perfectamente pola variante. E se xuntamos esa infraestrutura coa última que se acaba de abrir que foi a variante de Aradas, en Santiago, todo o tráfico das empresas de Carballo e mesmo do polígono da Laracha podería chegar ata Vigo sen cruzar unha soa cidade importante. Ese tramo ten un custo aproximado de 11 millóns de euros.

No programa tamén levades a apertura de viais municipais.
Nós propoñemos unha reforma do Plan Xeral para levar a Vila de Negreira ata a rotonda de Bértoa por detrás e non polo medio das casas de Bértoa. Esa vía feita por aí aliviaría o tráfico e sacaría o tráfico da zona de centros escolares. Outro viario sería a Rolda Oeste, que vai desde o polígono ata A Casilla, que sería a continuación das rúas Perú e Luís Calvo. E hai outro viario que é moi cortiño que é a rúa Emilio González que une a rotonda da Milagrosa coa estrada de Santiago. Esa rúa é moi estreita e por aí pasan moitos camións que despois ao chegar ao cruce teñen problemas para pasar. Nela, simplemente sería facerse coa titularidade dunha leira e facer un ancho para que os camións non teñan que ir ata a rotonda de rúa Sol que é onde se atascan sempre.

Modificar o PXOM para cambiar o trazado da Vila de Negreira non alongaría o tempo para facer realidade esta vía?
Eu creo que é un pouco máis lóxico que as cousas se alonguen máis e que se fagan ben. Esa modificación permitirá facer ben a Vila de Negreira porque os veciños de Bértoa non queren que pase polo medio das casas, nin queren que se tire unha parte do actual centro social.

É viable modificar o límite de velocidade de 30 en Carballo se o probable é que se implante a nivel nacional?
A aplicación que se fixo en Carballo da zona a 30 non ten sentido ningún. Entendo perfectamente que polo centro de Carballo hai que andar a 30, pero poñer a 30 media travesía de Bértoa, media travesía de Malpica ou a rúa Berdillo case ata Artes, pensamos que non ten sentido. É un erro e hai que modificalo, ben a ordenanza ou ben, na previsible aprobación desta norma por parte do goberno central, colocar os sinais onde estean ben postas.

Nos mitins chegáronlle casos de veciños aos que se lles multou por ir a máis de 30?
Algunha multa hai. Non todas as que probablemente vai haber despois das eleccións.

Cales son as medidas que tedes para dinamizar o comercio?
Cremos que ten que haber medidas fiscais. Habería que baixar as taxas e os impostos a calquera que queira abrir. Ademais en Carballo temos o problema que é o elevado aluguer que teñen os locais céntricos e hai que buscar algún tipo de medida para abaratalo. Ben con algún tipo de subvención, fiscalidade ou exención. Iso teriamos que falalo xa cos técnicos.

Propoñedes crear unha concellería do Rural. Como resolvería esta concellería as eivas que hai agora mesmo nas parroquias?
No goberno dedicaremos unha persoa cun grupo de técnicos única e exclusivamente a planificar as necesidades do rural e a atendelas. Nós, que acudimos a todos os consellos parroquiais e que imos manter por suposto, temos claro que o rural estivo absolutamente abandonado durante 16 anos. A concellería do Rural é importante para as parroquias e contribuirá a evitar todas estas queixas e eivas que hai, que son moitísimas.

E cal é a prioridade para o rural?
Pensamos que hai que avanzar en saneamentos e abastecementos de auga, pero que hai que facelo con certa lóxica e previsión.

Todos os anos criticades a pouca execución do orzamento, pero o Concello de Carballo leva dous anos cumprindo a regra do gasto por unha marxe moi pequena. Como executar e á vez cumprir o límite do gasto?
Aquí hai un remanente millonario porque non se executou o orzamento. Moitas veces escoito a Evencio falar da boa saúde financeira do Concello porque hai remanente, pero eu creo que o malo é ter remanente, que ese remanente ten que estar investido nos veciños. Se un día incúmprese a regra do gasto en beneficio dos veciños, só obrígache a facer un plan económico financeiro, nada máis.

É partidario de que o goberno central permita aos concellos investir o diñeiro do que dispoñen?
Son absolutamente partidario de que as administracións que cumpren teñan a posibilidade de investir o remanente.

El candidato de PP, Aurelio Núñez en uno de los actos de campaña de las municipales | RAÚL LÓPEZ para Diario de Bergantiños

“As asociacións teñen unha importancia capital na política social”

Aurelio Nuñez defende que a prioridade do programa popular é a política social e por iso propón aumentar o gasto social tanto de axudas directas ás familias como ás asociacións.

É moi crítico coa política social do actual goberno municipal de Carballo.
Si. Premio “Corazón de Pedra”. Eu creo que iso define perfectamente ao Concello de Carballo. Dous anos consecutivos premio “Corazón de Pedra” por ser un dos concellos que menos inviste en política social. No ano 2017 foron 50.000 euros no orzamento para todas as entidades de Carballo e execución de 32.000; 18.000 para remanente. A raíz do premio e das protestas, fundamentalmente do PP no pleno, no ano 2018 dedícanse 60.000 euros e execútanse eses 60.000. Xa non son as entidades as que non os piden, senón que de súpeto, execútanse. Nós comprometémonos a incrementar esas cantidades.

Cal é a prioridade do Partido Popular en temas de política social?
O prioritario agora mesmo en política social en Carballo é Afaber. Hai que axudarlle a conseguir un local. Eu creo que o Concello e a Deputación teñen a obrigación de colaborar con Afaber en buscar un local ou en axudar dalgunha maneira para que Afaber poida conseguir un local diante do magnífico labor social que fai. No tema de favorecer ás entidades tamén cremos na necesidade de reparar as vivendas dos mestres na Vázquez de Parga e facer alí un centro de asociacionismo.

Ademais de axudar ás entidades sociais, que outra cousa poderíase facer directamente desde o Concello para axudar ás familias que, por exemplo, teñen que acudir a Cáritas para ter que comer?
Hai algún tipo de axudas municipais directas ás familias. Propoñemos incrementar o gasto en política social, en todas as políticas sociais. Nós cremos que as asociacións teñen unha importancia capital na política social porque probablemente coñecen mellor a necesidade da xente que as propias administracións. E fano ben.

Hai moitas queixas polo tema da pediatría no centro de saúde Carballo.
Neste momento o problema non é exclusivo da pediatría. Neste momento hai un problema moi serio coa medicina de familia. É dicir, agora é imposible en moitos casos substituír as baixas e as vacacións dos médicos de familias e as dos pediatras é total e absolutamente imposible. Tampouco é un problema exclusivo nin de Carballo nin de Galicia, é un problema nacional e inclusive europeo. Carballo, por exemplo, ten catro pediatras para 4.000 nenos. Están cubertos nas ratios medias que se recomendan en pediatría. Hai problemas evidentemente no verán e se hai unha baixa longa dun pediatra porque moitas veces é difícil de substituír.

Entón non é tan grave como a pintan a situación da pediatría no centro de saúde de Carballo?
O tema é serio, sobre todo nalgunhas localidades. Tamén se fai bastante utilización política deste problema.

E cal pode ser a solución para a falta de pediatras?
Están a tomarse. A primeira é a homologación de profesionais non comunitarios, que ten que facilitar Madrid porque é a súa competencia. Segundo, incremento das prazas de formación en pediatría. Galicia ten solicitado o incremento. Este incremento, evidentemente, non vai ser para este ano porque esa é unha formación de catro ou cinco anos, pero si esiximos ao Ministerio que se cubra esa habilitación de prazas e de unidades formativas para incrementar os pediatras que se forman.