Evencio Ferrero (Carballo, 1955), é un dos políticos nacionalistas con máis traxectoria en Galicia. Desde 2003 é alcalde de Carballo e espera seguir séndoo outros catro anos porque, asegura, segue con forzas para manterse á fronte do municipio.

Como leva a campaña?
Ben. Sempre é agradable o contacto directo co electorado. O certo é que estamos a ter moita receptividade cos actos que estamos a facer. Iso sempre dá máis confianza e máis ilusión para seguir co traballo.

O primeiro tramo da candidatura ten moi poucas variacións. Segue confiando no seu equipo de goberno actual con algunhas caras novas.
Isto demostra que temos un gran equipo. Eu sempre afirmei que ata os mellores equipos necesitan reforzos. Houbo eses reforzos e creo que despois de tantos anos temos un equipo con moita capacidade de xestión, con moita introdución social, con moita capacidade de resposta ás demandas dos cidadáns. Pero tamén fóra deste núcleo duro de goberno fomos capaces de incorporar a moita xente nova que lle deu á candidatura do BNG moita frescura, moita alegría.

Que é o que máis destacaría da xestión do goberno municipal nos últimos anos?
Pois foron os anos de maior transformación grazas a esa capacidade inversora que temos. O Concello de Carballo é un dos concellos, segundo datos da Asociación Provincial de Empresarios da Construción, que máis capacidade ten para investir. É sorprendente cando un avalía eses datos que un concello como Carballo teña máis capacidade de investimento que concellos como Ourense, Lugo ou mesmo Santiago, que é a capital deste país. Chegar a iso é porque hai moito equipo e moita xente capaz de dinamizar todo iso. Desde capacidade de facer os proxectos, a capacidade para financialos, para contratalos e, despois, capacidade para xestionalos. Iso é un exemplo claro desa eficacia e eficiencia que se ten desde o goberno municipal.

De feito, fronte a esta capacidade inversora moitos departamentos municipais quedan pequenos.
Efectivamente. Un mal que ten este Concello é o certo raquitismo na dimensión do funcionariado. Nese sentido hai que lle agradecer a todo o persoal municipal o esforzo e o traballo que se está a facer.

Precisamente a xestión do persoal que fixo o goberno foi moi criticada por parte da oposición e dalgúns traballadores do Concello, en especial nestes catro anos.
Eu penso que foron anos nos que se avanzou moitísimo na relación laboral no Concello. Por primeira vez na historia deste Concello fíxose un convenio colectivo que lle afecta a todo o conxunto do persoal laboral do Concello e fíxose tamén o acordo regulador con todo o funcionariado. Todos os procesos que se seguiron creo que, en xeral, fixéronse en base a moito diálogo coas organizacións sindicais e nese aspecto, e sabendo que quedan cousas por facer, foron sen dúbida os anos que permitiron un maior avance nesa relacións entre persoal e o propio Concello.

Por mor de que xorde toda a polémica da xefatura da Policía Local?
Houbo unha xubilación do titular na xefatura e alguén ten que exercer esa responsabilidade. Tendo en conta que había dous cabos e que uno ademais renunciou a esa responsabilidade, había que depositar a confianza na persoa que estivo disposta para asumir esa xefatura.

En no caso do concurso da praza de inspector?
Na nosa convocatoria participaron tres aspirantes mediante un procedemento de concurso e á primeira persoa nese concurso a lei permitiulle que tomase posesión e que inmediatamente renunciase. É unha situación que se produce en exclusiva para o corpo da policía local. Inmediatamente que renunciou o primeiro notificamos ao segundo pero a subdelegación do Goberno dixo que había que paralizar ese requirimento porque contradicía a lei estatal.

Que reparo pon a subdelación do Goberno exactamente?
A subdelegación do Goberno di que non se pode cubrir cunha segunda persoa unha praza que está cuberta de maneira interina. El tomo posesión e se ese inspector para o día 1 de xuño, porque dixo que tiña ese compromiso en Cambre ata despois das eleccións, quere vir para Carballo, pois o pode facer, por sorprendente que nos pareza.

Isto supón que Carballo non terá inspector polo menos ata que a persoa decida ocupar esta praza?
Non. Teremos que facer unha nova convocatoria, porque non sabemos se a persoa que ocupou a primeira praza vai facer uso dese dereito.

O programa do BNG de Carballo é para a próxima década. Cal é o proxecto que máis destacaría?
Estamos dispostos a seguir abastecendo de auga o rural. Outro dos obxectivos debe ser seguir coa transformación urbana e seguir atendendo as prioridades que nos marquen desde os consellos parroquiais. E despois, cando as circunstancias económicas varíen e cando a lei de estabilidade orzamentaria sexa menos encorsetada, é cando poderiamos falar doutras necesidades que requirirán máis investimento, como sería un novo auditorio ou unha nova instalación deportiva.

Entón eses proxectos do novo auditorio e do novo complexo deportivo van depender de que cambie a decisión do Estado respecto a o que poidan investir os concellos?
É que estamos a falar de investimentos millonarios. E neste momento a pesar de que o Concello de Carballo ten unha gran capacidade inversora, pois teremos que priorizar en función de que eses novos equipamentos non imposibiliten que poidas continuar cos procesos de transformación.

Cre que é inxusto que se cualifique ao Concello de Carballo como “Corazón de Pedra” polo seu pouco gasto social?
É que non se corresponde para nada coa realidade. Os datos están aí. Se un mira o gasto social estamos a investir máis de 90 euros por habitantes. Iso para nada correspóndese cunha falta de sensibilidade coas persoas, senón que, ao contrario, temos demostrado moita sensibilidade coas necesidades sociais deste concello.

Defendedes que investistes máis de 10 millóns de euros no últimos catro anos no rural. Mais o que din o resto dos partidos é que as parroquias están abandonadas.
Eu creo que é un mantra que están a dicir. Só neste últimos catro anos un Concello como Carballo investiu máis de dous millóns de euros en melloras de vías rurais; máis de dous millóns de euros en ciclo integral de auga, entre saneamentos e abastecementos de auga, e máis de dous millóns de euros en equipamentos sociais e deportivos. Que se me diga cales son os concellos deste país que tiveron esa capacidade de transformación.

Para o rural tamén propoñedes apoiar proxectos produtivos. Como o faredes?
Esa é unha iniciativa de Promoción Económica. Estamos xa en contacto con entidades que representan a produtores de invernadoiros e de producións no sector primario e esperemos que de aí sexamos capaces de sacar propostas precisamente para fomentar esa produción.

Cre que ao Fórum estáselle sacando todo o proveito?
Creo que agora mesmo xa hai un nivel de actividade moi interesante e queremos seguir mellorando. Unha aposta que fixo o noso concello con financiamento exclusivo foi a escola de hostalería na que xa vemos como persoas que están nesa actividade formativa, e que desde o 15 de xuño xa irán facer a súas prácticas nalgúns casos a restaurantes de altísimo prestixio, xa están a compatibilizar a actividade formativa coa actividade laboral.

Se gaña o domingo serán 20 anos á fronte da alcaldía.
Vinte xa? Si son un lote deles.

Canta vida política quédalle a Evencio Ferrero?
Pois a que digan os cidadáns de Carballo. Andan dicindo por aí, en concreto o Partido Popular, que imos gañar as eleccións –iso si o recoñecen–, que inmediatamente imos renunciar. Teño que dicir que no absoluto. Estarei todo o tempo que teñamos a oportunidade para seguir traballando e transformando Carballo e de seguir facendo de Carballo un bo lugar para vivir.

Evencio Ferrero nun pleno da corporación o pasado mandato | MAREMA para Diario de Bergantiños

“Non se pode facer electoralismo con urxencias como a circunvalación”

Fai catro anos a candidatura de Evencio Ferrero conseguiu a maioría absoluta na corporación municipal que tentan revalidar. O candidato defende, fronte ás queixas do resto dos partidos, que o BNG sigue manténdose aberto ao diálogo e a aceptar as propostas que concorden coa súa visión.

A oposición acúsavos de usar este mandato a “apisoadora” da maioría absoluta.
Iso en absoluto. Nós mantemos todos os meses antes do pleno as reunións da xunta de voceiros, na que todos os grupos poden expor as cuestións que queiran. Todos os grupos poden presentar as iniciativas que queiran, todos participan de maneira directa, se así o consideran, nos consellos parroquiais; ten representación o grupo maioritario da oposición no consello escolar municipal, no consello deportivo…. Claro que nós tamén temos unha maneira de entender Carballo e se hai propostas que non coinciden coa nosa estratexia, pois loxicamente non poderemos votar a favor. Que o PSOE diga que o Concello de Carballo ten que cofinanciar a circunvalación cando esa é competencia exclusiva da Xunta, pois nós, loxicamente, non podemos asumilo.

Si aceptastes financiar unha parte da obra da senda mixta da travesía de Bértoa e o mesmo faredes coa da Casilla.
Unha cousa é falar de vías urbanas e outra cousa é a circunvalación que ten un orzamento multimillonario. Nós podemos asumir un financiamento da travesía de Bértoa onde o Concello puxo o 30% e eran aproximadamente 300.000 euros. O que non é posible, en rigor das competencias municipais e da aplicación da regra do gasto, é que o Concello de Carballo asuma o 30% da circunvalación, que iso significaría un investimento de preto de oito millóns de euros. Iso significaría que durante moitos anos non poderiamos asumir ningún outro gasto de investimento, e quen ten que asumir a circunvalación é, en exclusiva, a Xunta de Galicia.

O presidente da Xunta xa manifestou que estaba aberto a estudar a posibilidade de facer a circunvalación. É unha boa nova, non?
Si, pero eu creo que é unha afirmación ofensiva para os cidadáns que aquí residimos. Un representante público ten que gobernar para todos e o que non é admisible é que nun acto dun partido político, o presidente de todos os galegos diga que como llo pediu o candidato do Partido Popular que ía valorar iso, porque nós previamente xa o pedimos e o pleno da corporación xa o pediu tamén. Eu podo comprender que o presidente da Xunta estea preocupado polo resultado de Carballo pero non se pode facer electoralismo con necesidades e con urxencias, e a construción da circunvalación é unha urxencia para un concello como o noso.

O proxecto de impulso ao eixo industrial Carballo-A Laracha-Arteixo como se vai a manexar nos próximos anos?
Seguiremos a traballar para que todas as administracións se den conta desa necesidade. Nós seguimos pensando que o eixo industrial entre Arteixo e Carballo, tendo en conta que a realidade do porto exterior cada vez vai estar máis presente na actividade económica, é algo no que seguir avanzando e non nos doen prendas en seguir colaborando cos concellos de Arteixo e da Laracha, independentemente do ideario político que teñan os responsables de cada concello, porque entendemos que é unha estratexia sempre gañadora e que beneficiará aos tres concellos.