Aos seus 69 anos e despois de volver á primeira liña política fai catro anos, José Bello Pallas preside a candidatura de Terra Galega á alcaldía de Carballo. É unha candidatura da que destaca a preparación do equipo conformado.

Cales son as súas expectativas para o vindeiro domingo?
Estou convencido de que vai haber un gran resultado e de que vai haber unha gran sorpresa en Carballo. Non como alguén que estivo en política e dixo que iamos ter un concelleiro en política. Un concelleiro xa o traio eu do Tarambollo sen vir a Carballo para nada. Imos ter un equilibrio con alguén que nin se imaxinan, pero eles si o saben e por iso tapan os carteis de Pallas.

Tivestes dificultades para conformar a candidatura despois da polémica escisión que houbo no partido cos centristas de Carballo?
De ningunha maneira. No seu momento a alguén se lle deu por marchar, xa cando foron as eleccións. Despois soubemos perfectamente que había que montar un novo equipo e traballar, que é o que estamos a facer. Pero non nos resentimos nin creo que ninguén dos que marcharon. Nós temos un excelente equipo, mellor que o propio candidato, e por iso estou encantado porque é máis fácil traballar.

Como leva a campaña?
Moi ben. Con moito traballo, como sempre. Un non pode durmir moito estes días. Procuramos informar a todo Carballo do noso programa e é un programa que imos tentar cumprir, iso si con todas as garantías.

Precisamente o proxecto máis importante que levades no programa é unha cidade deportiva, que é un vello proxecto de TEGA. Dicides que só para adquirir os terreos haberá que investir 600.000 euros.
Os técnicos terán que facer unha valoración despois. Hai que facer un plan especial para desenvolvelo e marcar o ámbito. Iso terá un valor como se fai para expropiar calquera cousa. Pero a cidade deportiva vaise a levar a cabo. Non se se son 600.000 ou serán 800.000 euros ou o que sexa.

Tedes previsto canto vai custar executar esa cidade deportiva e canto vai custar mantela?
Mantela, como non se vai a manter. O importante é chegar e executar ese proxecto. Pero é normal que hai que facer un campo de fútbol, pista de tenis, hai que facer un pavillón. Unha vez que teñas o solar e teñas o terreo, entón hai que redactar o proxecto que cubra todas as necesidades de Carballo.
Entón non tedes unha estimación de canto custaría facela.
Supoño que custará varios millóns. Estamos a falar de moita pasta. Pero si teñen que colaborar A Xunta, o goberno de España, a Deputación e iso hai que xestionalo desde Carballo.

E mantela? Porque TEGA sempre foi moi crítico co aumento do gasto corrente.
Naturalemente que todo ten o seu custo. O campo de fútbol de As Eiroas ten o seu custo e hai que levar o mantemento. Iso trasladariámolo á cidade deportiva e xa o mantemento do campo de fútbol investiríase na cidade deportiva.

É realista facer esta cidade deportiva?
Totalmente realista. O que si hai que deixar claro é que se vai a realizar nunha fase, dúas ou tres. Se hai que investir 10 ou 15 millóns de euro, faise, con todo incorporado e hai que xestionalo.

Non sería entón para catro anos.
Si, para catro anos. O primeiro que hai que facer é adquirir o terreo e facer un proxecto de viabilidade en varias fases e estudar perfectamente o custo. Porque eu lémbrome que o Bloque tiña ata unha maqueta cunha cidade deportiva extraordinaria que aínda deben ter nalgún lado e cando chegaron ao goberno esquecéronse de facer as xestións. A idea tíñana clara. Sabes o que é extraordinario? Que nós falamos da cidade deportiva e eles veñen copiando detrás. Eles din agora, despois de que esta iniciativa foi nosa, que van crear un gran ámbito deportivo. Supoño que, con outro nome, é a nosa idea á que se queren sumar porque ven que iso é necesario para Carballo.

Cales son as propostas que tedes para as parroquias?
O rural hai que potencialo e hai que meterse coa Xunta de Galicia, con Vivenda para cubrir as necesidades das familias e para restauración, para dar a imaxe que debe dar o rural. Ese feismo que hai en Baldaio, onde estivemos o outro día. Aquilo é lamentable, ves sen limpar as estradas, todo abandonado. No rural non imos andar bacheando, salvo en casos puntuais. Imos facer as vías principais todas de aglomerado e nos lugares imos quitar as cunetas e facer plataformas como as hai que facer.

Tamén estades en contra do límite de velocidade de 30 quilómetros por hora no casco urbano e o queredes eliminar.
Naturalmente. Iso é un saqueo. Na estrada de Razo como vas poñer 400 metros a 20? É imposible ir a 20 porque fixen a proba. A entrada de Carballo? Non pode ser. Iso hai que resolvelo xa e farase, non cabe ningunha dúbida. No perímetro do Concello é lóxico que hai que andar a 20 e nas plataformas únicas, pero non no resto, porque é un saqueo. Primeiro porque veñen os da aldea e o que levan é unha hipoteca cando vaian para casa. Fanlle unha foto e veña, multa de 100 ou 200 euros.

Tamén dicides que eliminaredes os bolardos. As rúas deixarán de ser peonís?
Totalmente. Non se trata de que vaian deixar de ser peonís, pero como vas chegar cun mando para entrar nos edificios? Estamos en Paris? Non. Estamos en Carballo e xa estás a ver as sentenzas que van vir por facer algo que non é viable para nada. Hai que darlle vida a todo o centro de Carballo e aos comercios porque están nunha situación moi delicada. E se seguimos nesta liña a feira vai desaparecer.

Abriredes outra vez todo o centro ao tráfico?
Pero regulado. A contorna se vai manter, que esa foi outra barbaridade, os millóns que levamos investidos alí para non ter nada. Aqueles 600.000 euros que investiron na rúa Coruña. O alcalde era o rexedor e o responsable número uno deses 600.000 euros aí enterrados.

Ese proxecto do túnel da rúa Coruña foi un proxecto de TEGA cando Manuel Andrade era responsable da concellería de Urbanismo.
Non, non. O rexedor é o rexedor. E se eu son o alcalde e non o quero facer, non o fago.

Se nese momento estás nun goberno pactado, enténdese que o alcalde non pode decidir só.
Pero se hai proxectos é para executar, e ese proxecto tiña unha clara intención. O que non vale é para deixalo morto para toda a vida, que levamos 16 anos con ese diñeiro aí enterrado. Era mellor colocarlle ascensores a todos os edificios antigos para que as persoas con pouca mobilidade puidesen saír á rúa con normalidade. O problema é que investiron todo o que investiron no perímetro do Concello e iso está morto.

Fostes moi críticos coa política de persoal todo o mandato. Que faredes neste sentido se chegades á alcaldía?
Iso é lamentable. Como podes ter así ao persoal do concello? Houbo un tema gordo co tema do xefe da policía. Eu non teño nada persoalmente contra ninguén, pero si contra o rexedor porque hai sentenzas xudiciais que o obrigaron a destituír a esta persoa, que non ten ningunha culpa. Tampouco ten ningunha culpa que lle dean 11 ou 12 mil euros ao ano de horas extras a unha soa persoa. Iso si que hai que regulalo e repartir as municións como corresponde.

Tamén criticastes o proceso selectivo do inspector da policía, unha praza que segue baleira.
Pero como se vai a adxudicar, se desde aquí dixeron: tráeme un de Vigo, outro de Arteixo e outro de Cambre. Eu aos dous últimos coñézoos e din: nós xa despois renunciaron para que siga o que está agora. E de feito foi así. Iso foi un tema programado e iso non é un tema correcto, nin é serio nin nada de nada.

Que opina de todo o tema da circunvalación de Carballo?
A circunvalación é competencia de quen é. Hai que diferenciar as competencias de Carballo coas da Xunta, as europeas e as do goberno de España. O que si é certo é que durante oito anos tivemos un deputado no Parlamento de Galicia e xa me dirás que trouxo para Carballo. Iso é lamentable. Se eu estivese de deputado, ou durmía na casa do presidente da Xunta ou no Parlamento, pero non pasaba oito anos sen traer nada para Carballo, iso téñoo claro.

José Bello Pallas en no de los plenos del presente mandato en Carballo | MAREMA para Diario de Bergantiños

“Neste últimos catro anos urbanisticamente no goberno non fixeron nin unha soa xestión”

O urbanismo é un dos temas principais do que que máis falou Bello Pallas tanto no último mandato como na campaña. Para el a xestión urbanística do goberno municipal foi inexistente.

A nivel de plan urbano que pensades facer se chega TEGA ao goberno?
O primeiro é paralizar a tramitación da modificación do PXOM sobre a Vila de Negreira. Este goberno está a tramitar a súa redución a 16 metros. Iso non se vai a facer. Vai ir con 20 metros tal e como está grafiado. Se Pallas forma parte do goberno non hai modificación puntual.

E modificaredes o Plan Xeral co que fostes tan críticos?
Xa se ve o agarimo que lle aplicou o goberno ao PXOM, que nin sequera fixeron ben o inventario dos horreos. Que non estamos en Carnota, senón hai que levalos de vacacións a Carnota que alí si que hai hórreos centenarios. Hai que facer o inventario real e iso é un problema para os propietarios. Temos os plans especiais de Razo e Baldaio, que temos un litoral marabilloso, e non fixeron nada nin queren explicar aos cidadáns de Carballo como están os plans especiais.

Pensades facer outra cousa cos plans do litoral?
Pallas se compromete a negociar coa Xunta para que urbanisticamente o litoral teña un trato coa sensibilidade que corresponda. Non se pode permitir que en Razo haxa uns polígonos que non se poden desenvolver como non se lle da edificabilidade correspondente. Nós comprometémonos a facer un plan do litoral desde o límite da Laracha ata o límite de Malpica. Tamén nos comprometemos a ampliar a estrada de Razo a Carballo.

Vostede foi moi duro coa xestión do PXOM que fixo o goberno desde a súa aprobación.
A xestión do goberno anterior foi nefasta. Tanto falaban de que era imprescindible aprobar un PXOM para desenvolver Carballo, pero neste últimos catro anos urbanisticamente non fixeron nin unha soa xestión e iso está demostrado e contrastado. Aí non hai ningún tipo de desculpa.

No programa tamén proxectades unha área verde na zona da Cristina?
Si. Imos facer un gran ámbito de 100.000 metros na Cristina de zona verde. Hai que adquirir todo ese chan para desenvolver o ámbito da Cristina. A accesibilidade desas 45 vivendas da rúa Branco Amor tamén a imos a resolver xa, e imos dotar ao colexio da Cristina dun pavillón ou unhas pistas cubertas como teñen outros colexios

Ademais falades de dotar ao centro de máis zonas de aparcamento. Onde se situarán?
Onde vai a cidade deportiva van ir xa miles de prazas. Pero buscaremos outro ámbito no centro. Imos tentar comprar o chan necesario. O que si é triste é que gastásemos máis de dous millóns pavimentando todos os solares de propiedade privada para nada. Porque con eses dous millóns de euros canto terreo comprábase para facer uns aparcadoiros públicos? Outros cartos tirados. Iso é despilfarro. Ademáis na AC-552 hai que facer o outro marxe da senda e tamén na avenida de Coristanco que está como hai 16 anos, non se fixo ningunha actuación.

Xa está previsto ese proxecto pola Xunta.
Pois a ver. Porque como non colla máis velocidade non creo que a faga nestes días. Pero o señor Feijóo algo terá que programar porque supoño que quererá seguir alí. l