Conselleira do goberno galego desde o ano 2014, –primeiro de Medio Ambiente, Infraestrutura e Territorio e despois de Infraestruturas e Vivenda– esta pontecesana foi tamén presidenta de Augas de Galicia e directora da Axencia Galega de Infraestruturas. Aínda que polos seus oríxes está vinculada á política -o seu pai foi o primeiro alcalde de Ponteceso da democracia- é a primeira vez que concorre a unhas eleccións parlamentarias.

Como valora a súa experiencia como conselleira durante estes anos?

Con moita satisfacción por poder contribuír para traballar día a día por vertebrar Galicia, por máis e mellores servizos, porque iso son mellores oportunidades. Realmente o traballo dunha conselleira e dunha Consellería non é dunha persoa, senón que é un esforzo colectivo, e por iso hai que agradecer todo o traballo do equipo, da xente que estivo traballando estes anos comigo. Poder atender as demandas dos veciños, os seus problemas, escoitalos de primeira man, e poder resolvelos, é verdadeiramente moi satisfactorio.

Destes anos de xestión do PP na Xunta, que é o que máis destacaría?

Sendo como son da Costa da Morte, a maior achega da Xunta nestes anos foi ese gran desafío de poñer en marcha 27 quilómetros dunha autovía libre de peaxe nos peores momentos económicos. Outros, nos mellores momentos económicos, só puxeron tres pedras e nós, nos peores momentos económicos fomos quen de facer 27 quilómetros de autovía. Iso é xestión, é dalo todo por cumprir a palabra dada. Eu entendo así a política, a xestión pública ao servizo do cidadán todos os días.

Xa que fala da autovía. Como progresa a realización do proxecto para ampliar a autovía ata Vimianzo que anunciou o presidente da Xunta o día da inauguración?

Temos avanzadas as condicións técnicas para anunciar a licitación no Diario Oficial de Galicia e unha vez que estean aprobados os orzamentos de 2017, se temos a confianza dos galegos, a finais deste mesmo ano estaríamos en condicións de licitalo e redactalo no ano 2017; e avanzar, así, para seguir vertebrando a Costa da Morte que é un dos desafíos que teño como conselleira, candidata e veciña da zona, e que vai no programa electoral.

A canto ascende o investimento económico para ampliar a autovía ata Vimianzo?

Son 20 millóns de euros. É un investimento importante, porque estamos a falar dun trazado que eu diría que é de referencia europea e queremos continuar con ese trazado da mellor forma posible. É un trazado no que temos que salvar obstáculos xeográficos, polo tanto o investimento é de 20 millóns de euros para 5,5 quilómetros que estamos decididos a facer e en canto estean os orzamentos, queremos licitar o proxecto.

Tedes algún prazo entón para finalizar a autovía?

Pasiño a pasiño faise o camiño. Para chegar a Fisterra hai que chegar primeiro a Baio; xa chegamos a Baio e temos que seguir avanzando. A min non me gusta dar prazos porque me gusta cumprir cos veciños, polo tanto, farémolo canto antes, facendo o que podemos pagar.

Que outras medidas débense tomar para mellorar os problemas de comunicación da Costa da Morte?

No próximos catro anos, se nos dan esa confianza os galegos, queremos implantar ese transporte a demanda que vai levar o autobús onde faga falta e á hora que faga falta. Mentres tanto, temos que garantir que as concesionarias cumpran ese servizo público e ter tolerancia cero coas concesionarias que non cumpren as condicións dos contratos. Tivemos coñecementos deses casos e actuamos inspeccionando, xuntándonos cos alcaldes e cos propios concesionarios e conseguimos repoñer os servizos e así o seguiremos facendo mentres esteamos a traballar para implantar ese transporte a demanda, que é o proxecto de futuro para mellorar o transporte no rural.

Rescatarase a peaxe da AG-55?
A ningún dos galegos, e a min tampouco, gústannos as peaxes, pero o certo é que rescatar a peaxe da AG-55 son máis de 250 millóns de euros para unha administración que ten as competencias en sanidade, educación e servizos sociais. Outros que poidan levar no programa electoral o rescate da AG-55 que digan publicamente como van conseguir eses 250 millóns de euros porque os ingresos dunha administración non crecen dándolle a un botón. Desde logo se hai posibilidade de eliminar algunha peaxe, farase, pero eu creo que temos que ser coherentes e sinceros cos galegos. Nós non imos sacar nin da educación, nin dos servizos sociais, nin da sanidade.


Que outras necesidades da comarca deben paliarse nos próximos catro anos?

A Costa da Morte ten unha clara vocación agraria e por tanto a aposta por esta vocación agraria ten que ser clara. Xa o fixemos coas medidas que levamos no programa de impostos cero no rural. A posta en valor dos produtos agroalimentarios, saudables, de calidade, que ten todos os produtos que están nas hortas da Costa da Morte e aproveitar que temos esta nova autovía para exportar a outros mercados estes produtos, como a pataca de Coristanco, por exemplo.

O domingo esperades obter unha maioría estable?

Na miña opinión é posible pero moi difícil. Temos que ser moi conscientes e valorar o que está en xogo o próximo 25 de setembro. Porque está en xogo un goberno durante catro anos. As enquisas son só enquisas e a día de hoxe non temos nin un só voto. Entendo que a xente estea cansa, pero é verdade que a xente demanda que lle deamos solucións, e para dar solucións precisamos estabilidade, e creo que é posible sacar esa maioría estable que precisa o equipo de Feijóo. É difícil e por tanto importa cada voto e por iso o que temos que facer é informar á xente sobre o que nos estamos xogando.