A tenente de alcalde cercedense xa sabe o que é estar nun cargo de xestión no goberno autonómico. Durante o Bipartito foi directora xeral de Administración Local, cargo que lle permitiu coñecer en profundidade as necesidades dos concellos galegos. Non descarta volver á Xunta, pero agora centrarase no Parlamento.

Como leva a campaña?

A nosa campaña baséase fundamentalmente en falar coa xente cos colectivos, escoitalos, ver cales son as súas necesidades e as respostas que necesitan e dentro do noso programa ver como lle estamos respondendo a todas esas necesidades que expoñen. Distribuímonos por zonas porque non podemos estar en todas partes e o noso candidato, aínda que tenta cubrir todos os lugares onde é demandado, non sempre é posible. É unha campaña como as outras, con moito traballo, pero facémolo con ilusión e con ganas de liderar este cambio que estamos a desexar que ocorra xa.

As circunstancias de máis dun ano de eleccións fai que non sexa unha campaña como as outras. Nota á sociedade cansa?

Efectivamente. Pero hai que explicarlle aos veciños que o cansazo non está en ir votar, o cansazo está en que os medios de comunicación, continuamente e a todos os niveis, están a bombardearnos non só cos candidatos, que podería ser entendible, senón cos debates televisivos. Todo o mundo opina de todo. Iso é o que traslada o cansazo á xente, que só se escoita falar de política, cando a política é o que pasa na nosa vida, é educación, sanidade, servizos públicos en xeral, economía…

Begoña Rodríguez avoga por mirar o traballo dos concellos socialistas como o de Cerceda, que aplican criterios de igualdade e benestar social

Xa ten experiencia nun cargo de xestión no Bipartito. Volvería asumir un cargo na Xunta se hai un goberno do PSOE?

Volvería encantada. Aínda que agora é diferente porque é a primeira vez que me presento ao Parlamento, o que queremos é liderar o cambio. Cambiar estas políticas de recortes, volver á senda do crecemento e a do benestar social que está a pedir toda a cidadanía.

Como foi a súa experiencia como directora xeral de Administración Local?

A miña experiencia particular foi a relación cos concellos. Creo que visitei ao redor do 70 ou 80% dos concellos galegos. Fun aos máis pequenos, falei cos alcaldes e coas corporacións sobre as súas necesidades e estou convencida de que lle demos resposta positiva á gran maioría das situacións e naquelas nas que non foi posible dar unha resposta positiva, démoslles unha explicación. Pero, desde logo, estivemos sempre traballando ao seu lado e eu creo que esa é a función fundamental dun político, recibir e traballar para darlle resposta ás necesidades do colectivo que corresponda.

Que Pedro Sánchez e Leiceaga estivesen en Cerceda no único acto que fixeron na comarca, é un recoñecemento ao traballo do goberno socialista de Cerceda?

Moitas veces pregúntanos a xente: nós como sabemos o que ides facer? Primeiro temos a referencia do Bipartito que, aínda que o Partido Popular se emperre en dicir que foi unha época mala, eu pídolle á xente que mire como era a súa vida no Bipartito. E evidentemente dígolle á xente: mirade o reflexo dos concellos nos que gobernamos os socialistas, cales son as nosas prioridades. En Cerceda levamos revalidadas moitas maiorías absolutas, é un goberno onde aplicamos sempre os criterios de igualdade, de benestar social e de defensa dos máis vulnerables, ademais do crecemento da propia economía. E estamos a falar dun concello rural do interior de Galicia e de pouco máis de 5.000 habitantes.

Un concello rural cun importante brazo industrial liderado por Sogama. Está asegurada a súa ampliación se goberna o PSOE?

Está asegurada. Díxoo Leiceaga e díxoo tamén o alcalde. Iso é algo que non depende do partido que vaia a gobernar, é un tema de meses e está asegurada esa segunda parte.

Que debe facer a Xunta na Costa da Morte na próxima lexislatura?

No caso da Costa da Morte hai que terminar a autovía e vertebrar o territorio é fundamental. Non só para achegar o crecemento, senón para achegar á sociedade. O transporte metropolitano, porque aínda que nas zonas máis próximas ás cidades o servizo é adecuado, os que estamos un pouco máis apartados decaemos, posto que a oferta que temos é moito menor. Apostar tamén por un tren de proximidade que é moi importante para traballadores e estudantes. E tamén hai un tema fundamental para a zona e toda Galicia: a especialización dos parques empresariais. Que deixen de dar toxos para dar empresas, especializalos e poñer a producir Galicia.

Se o PP non logra a maioría absoluta, está asegurado un goberno de cambio na Xunta?

Estou segura de que haberá un goberno de cambio e seremos nós os que lideremos ese goberno de cambio. E espero que sexa unha realidade para partir do 25 de setembro.

Son boas as expectativas que tedes entón.

Evidentemente. Nós non quedamos coas estatísticas. Nós o que dicimos é que o cambio real está na emisión do noso voto.

Prefire a política municipal ou a autonómica?

Todas teñen unha parte positiva. A vida local ensínache o que é a política en estado puro porque falas cos teus familiares, amigos e coñecidos e tamén con aqueles que non son tan amigos pero que che demandan cousas que como política e dentro do sector público debes facer, ou que eles cren que debes facer, e ás que tes que dar resposta. Desde a Xunta tes unha visión máis desde arriba e que tamén é enriquecedora. Todas as cousas teñen o seu momento e agora teño o momento de acudir ao Parlamento e iso é no que estou a pensar, desde logo sen abandonar nunca o que é o meu concello, porque estea ou non estea como concelleira, sempre vou pensar en clave Cerceda.